publicidade hoxe

A Deputación aforra ata un 40% na factura enerxética de instalacións municipais da Fonsagrada dotándoas gratis de equipos eficientes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocalLugoProvincias
A-
A+

O Concello da Fonsagrada aforrará ata un 40% na factura enerxética de instalacións municipais, como a calefacción da nova casa consistorial e o alumeado público, grazas ós equipamentos eficientes que a Deputación de Lugo lle proporciona de maneira gratuíta. Deste xeito, o organismo provincial vén de rematar a instalación dunha caldeira de biomasa no novo consistorio, na que investiu 71.000 euros a través do programa europeo Lug02, financiado ó 80% por fondos europeos.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, supervisaron precisamente este mércores as obras da caldeira, coas que o Concello, ademais de non ter que facer a inversión inicial, obterá un aforro estimado dun 40% no gasto anual de calefacción, e evitará a emisión á atmosfera de 24,1 toneladas anuais de CO2. Dende Deputación e Concello apostouse por este sistema de calefacción porque, ademais das vantaxes que leva consigo na redución de consumo de enerxía, aforro económico e beneficios ambientais, búscase un efecto exemplarizante da administración pública para o fomento do sector da biomasa neste Concello, cabeceira da comarca da Montaña, e incluso atraer empresas dedicadas a esta actividade.

Por outra banda, a Deputación terá colocados no prazo dun mes compoñentes eléctricos que reducirán en máis de 7.000 euros ó ano a factura municipal no alumeado público, e evitarán a emisión á atmosfera de 21 toneladas anuais de CO2. En concreto, instalará 150 lámpadas de baixo consumo, un redutor de fluxo luminoso, dous descargadores e 3 reloxos astronómicos, materiais valorados en 17.700 euros.

A Fonsagrada, Concello Renovable

O Concello da Fonsagrada vese beneficiado por esta medida pola que se lle subministran gratis compoñentes de iluminación eficientes por ser un dos 37 Concellos lucenses que decidiu sumarse a un programa de aforro enerxético impulsado pola Deputación no marco do denominado Club dos Renovables.

Este plan, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do Lug02, ten dúas fases: a primeira, xa rematada, consistiu na realización dunha auditoría enerxética das instalacións municipais para determinar onde se poden conseguir os maiores aforros, coa que a Deputación evitou un gasto a cada Concello de 10.000 euros; e a segunda, nestes intres en marcha, consiste na dotación dos compoñentes de eficiencia enerxética que as auditorías determinan para rebaixar o gasto eléctrico. Para elo, a Deputación aprobou hai preto dun ano un acordo marco mediante o que pactou con 6 empresas a compra e instalación de materiais como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza, obtendo deste xeito prezos moito máis vantaxosos.

Estratexia de cooperación cos Concellos para reducir custes

Tal e como destacou o Presidente, estas actuacións –a dotación á Fonsagrada da caldeira de biomasa e a de materiais de iluminación a través do Club dos Renovables- enmárcanse na estratexia da Deputación de “cooperar ó máximo cos Concellos para que poidan aforrar no gasto enerxético en dependencias municipais, tendo en conta que esta é unha das súas principais inquietudes, e que a factura eléctrica suponlles unha gran carga económica, pois un municipio medio da provincia, de 5.000 habitantes, paga ó redor de 200.000 euros ó ano en electricidade”.

Destacou así mesmo que o plan de aforro enerxético impulsado pola Deputación “é transcendental para os Concellos, xa que, por si sos, resultaríalles moi difícil asumir tanto o custe dunha auditoría enerxética, como a compra e instalación do material”.

Outros investimentos na Fonsagrada

Xunto ó investimento para a posta en servizo da nova casa consistorial, e a dotación de materiais de aforro enerxético, a Deputación está a acometer na Fonsagrada outras importantes actuacións que xogan un papel decisivo para o desenvolvemento económico e o benestar dos veciños deste municipio e de toda a comarca da Montaña. Trátase, por un lado, do primeiro centro público en Galicia de despeces cinexéticas, ó que destina 300.000 euros e que supoñerá todo un revulsivo económico para a zona mediante o impulso dos produtos cinexéticos; e, por outro, a residencia da terceira idade, na que a Deputación inviste 2,1 millóns de euros. Situada no edificio da Fundación Rois de la Peña, contará con 1.673 metros cadrados de superficie, e disporá de 24 prazas de residencia e 30 de centro de día.

15 de maio de 2013 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.