publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Ministerio de Medio Ambiente invisten 300.000 euros na mellora do parque do Invernadoiro

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, visitou hoxe o Parque Natural do Invernadoiro, situado no concello ourensá de Vilariño de Conso, onde visitaron as actuacións de mellora realizadas no marco do convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA).

Hernández sinalou que a visita ao parque natural, o único dos seis galegos que nunca estivo habitado, enmárcase dentro da celebración do Día Mundial da Terra, e salientou o esforzo que está a realizar a Xunta de Galicia na protección e mellora destes espazos de grande importancia ecolóxica e paisaxística. No caso do Invernadoiro, sinalou que o seu departamento leva investidos dende o ano 2009 un total de 805.000 euros grazas aos convenios firmados co MAGRAMA, La Caixa ou os fondos FEDER, que permitiron coidar este espazo natural.

No día de hoxe, o conselleiro e o delegado do Goberno visitaron as últimas actuacións realizadas no Parque Natural do Invernadoiro, que supuxeron máis de 300.000 euros investidos co obxectivo de impulsar a conservación e a biodiversidade de hábitats e especies e compatibilizala co uso público. Esta actuación inclúese no convenio co MAGRAMA, asinado en 2010, para actuacións de conservación en Rede Natura 2000.

Grazas a o convenio restauráronse hábitats de interese comunitario, como as carballeiras galaico portuguesas e os bosques de acivro, que están en regresión por causas naturais e humanas. Para elo foi necesario levar a cabo rozas, tala e picado de restos de pino silvestre e breixos, ademais de plantación de especies autóctonas.

Superficie mellorada

A superficie mellorada é de 53,25 hectáreas. En total plantáronse 23.940 árbores e sementáronse outros 42.060, empregando especies como os pradairos, acivros, bidueiros ou cancereixos.

Así mesmo, levouse a cabo a mellora de accesos e das infraestruturas de defensa contra os lumes (pistas e devasas) e fixéronse melloras de dotacións de uso público, como a colocación de sinalización en 5 rutas de sendeirismo e mellora do trazado.

O Parque Natural do Invernadoiro é unha área de elevado interese botánico e faunístico e de excepcional valor xeomorfolóxico e paisaxístico. A fauna máis representativa da zona son lobo, xabaril, armiño, garduña, cervos, rebezos e gatos monteses, así coma aves como aguias, falcón e voitres xa que neste Parque Natural dáse a maior concentración de aves rapaces de Galicia. No eido da flora predominan os cancereixos, carballos, teixos e acivros.

Para visitalo existen 6 rutas duns 46 quilómetros e ao redor de 3, 5 km doutras vías, as principais son:

- Ruta da Ortiga (22 km.)
– Ruta da Auga (4 km.)
– Ruta das Troitas (3,50 km.)
– Ruta do Depósito (2 km.)
– Ruta dos Cercados (3 km.)
– Ruta da Aceveda (8 km.)

22 de abril de 2013 | 15:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.