publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunqueira de Espadañedo quere potenciar a tradición artesá co Obradoiro e o Museo dos Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalOurenseProvinciasXunqueira de Espadanedo
A-
A+
Baltar e Carlos Gómez

Baltar e Carlos Gómez

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o municipio de Xunqueira de Espadañedo, un referente galego no ámbito artesán dos oleiros, que destaca polas súas tradicións etnográficas no arte da oleiría. Acompañado polo alcalde do concello, Carlos Gómez, e membros do equipo de goberno, o presidente provincial visitou as instalacións do Obradoiro de Olería e o Museo de Olería, uns ámbitos de actuación que Xunqueira de Espadañedo quere potenciar, tanto para impartir cursos especializados en artesanía oleira, no caso do obradoiro, como para promocionar cultural e socialmente o aspecto etnográfico coa exposición de pezas antigas e actuais, no caso do museo, para dar a coñecer a historia e evolución desta arte.

A visita de Manuel Baltar a Xunqueira de Espadañedo serviu tamén para coñecer en detalle as necesidades e proxectos do concello en materia de infraestruturas, entre as que destacan o acondicionamento de viais e a realización de melloras na Casa do Concello.

Tamén falaron Baltar e Gómez da planificación urbanística do municipio, en concreto da sinatura realizada recentemente entre o alcalde e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, da acta de aprobación definitiva do PXOM do municipio, un plan que establece que máis do 94% da súa superficie está protexida para que se conserven os valores naturais, ecolóxicos e patrimoniais. Segundo este documento, o 4,32 % da superficie queda definida como solo de núcleo rural, o que supón ordenar e recoñecer os asentamentos tradicionais. Así, Xunqueira de Espadanedo poténciase como núcleo rural capital e favorécese o desenvolvemento dos outros doce núcleos rurais, permitindo asentar neles novas vivendas.

25 de abril de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.