publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rosa Quintana foi a pregoeira da XLIII edición da Festa da Augardente de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalPortomarín
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de dar o pregón na XLIII edición da Festa da Augardente de Portomarín, onde destacou as virtudes e o valor gastronómico que desprende este destilado, conseguindo destacar por si mesmo e converterse nun produto excepcional.

Rosa Quintana definiu o augardente de Portomarín como paradigma de calidade, e destacou este licor como reflexo da nosa tradición e símbolo da nosa cultura.  Unha bebida que antigamente era considerada dos pobres e hoxe é valorada por todo o mundo, converténdose en sinal de identidade de Galicia e ingrediente principal da tan coñecida queimada, dixo. Un destilado que cobra forza e que fai desta romaría unha festa “enxebre, popular e peculiar como hai poucas en Galicia”, engadiu.

Na súa intervención, a conselleira tivo palabras tamén para a vila de Portomarín, emerxida das augas fai xa medio século e que fai deste lugar un paraxe único no seo do Camiño de Santiago. Unha vila que segundo a titular de Medio Rural e Mar “reúne todo o mellor do interior de Galicia, estando ademais tan pegada ao pai Miño que semella talmente estar ubicada ao carón do mar”.

Dama da Alquitara

No marco desta festa, Rosa Quintana foi nomeada Dama da Serenísima Orde da Alquitara, que xa conta con máis de 200 cabaleiros e damas, onde xurou “defender, impulsar, exaltar en todo lugar e manter as glorias da augardente que producen estas sagradas ribeiras do Miño”.

1 de abril de 2013 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.