publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Próximas actuacións da Escola Municipal de Teatro de Laxe para o curso 2012-2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxeLocal
A-
A+

Despois de estar presentes e actuar no Festival de Teatro de Palas de Rei o pasado sábado 13 de abril, a Escola de Teatro Municipal de Laxe participará no Festival e roteiro teatral pola Fervenza de Ouzande (A Estrada), organizados para este próximo sábado 27 de abril pola Aula de Teatro do IES Antón Losada, “Avelaíñas Teatro”. Ao igual que sucedía no Festival organizado en Palas e sucederá nos seguintes previstos para Touro e Laxe, estarán presentes e actuarán no mesmo, ademais da Aula de Teatro da Estrada e a Escola de Teatro de Laxe, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Aula de Teatro do CPI de Touro.

A programación prevista para a xornada deste sábado, sempre e cando as condicións metereolóxicas así o permitan, é a seguinte:

12:00 horas: Roteiro teatral pola Fervenza de Ouzande con saída da Igrexa de Ouzande (a 1 km aproximadamente da Estrada en dirección Forcarei).
14:00 horas: xantar de convivio das diferentes escolas de teatro na zona de Ouzande.
17:00 horas: Actuación no Teatro Principal da Estrada da Escola de Laxe e do Obradoiro de Palas.
19:30 horas: Actuación no Teatro Principal da Estrada das Aulas de Touro e da Estrada.

Con esta saída, a actividade da Escola Municipal de Teatro non remata, senón que, continuará durante todo o vindeiro mes de maio e ata a primeira fin de semana de xuño, data na cal, terá lugar o Festival anual de Teatro de Laxe, Teatrapa, no que, ademais das actuacións dos diferentes grupos da Escola de Teatro de Laxe, contaremos con representacións das outras tres escolas coas que se estableceu intercambio este ano: Palas de Rei, Touro e A Estrada. Sempre e cando o tempo o permita, realizarase de igual xeito que nos outros festivais, un roteiro teatralizado por algúns dos puntos de interese cultural e turístico do noso concello e que se darán a conocer en próximas datas.

Outras actividades previstas para a Escola de Teatro de Laxe a realizar con anterioridade ao mencionado festival, son as seguintes:

Sábado 11 de maio. Participará no roteiro polo Pazo de Andeade e presentará a obra no Concello de Touro, xunto cos outros tres grupos. Haberá, ademais, unha función na Residencia da Terceira Idade “Os Tercios”.
Entre os días 15 e 19 de maio, os alumnos e alumnas de maior idade da escola, xunto co seu profesor, Afonso García, realizarán unha viaxe a Portugal, Estremadura e Madrid cos outros tres grupos de teatro (Palas de Rei, Touro e A Estrada) co seguinte programa:

DÍA 15 DE MAIO:

-Actuación conxunta no Auditorio da Universidade de Chaves (UTAD.).

-Visita á UTAD e Chaves.

-Actuación ás 21:00 horas no Auditorio de Idanha A Nova.

DÍA 16 DE MAIO:

-Realizará unha actividade de animación á lectura no Centro Cultural Raiano de Idanha A Nova para o alumnado do Instituto de Ensino Secundario.

-Participará nun roteiro teatral polas localidades de Idanha A Velha, Monsanto e Penha Garcia.

DÍA 17 DE MAIO:

-Actuación na Sala Trajano de Mérida para alumnado de Educación Secundaria.

-Visita a Mérida e actuación no Teatro romano de Mérida.

DÍA 18 DE MAIO:

-Actuación na entrega de Premios do Festival de Teatro de Navalmoral de la Mata.

DÍA 19 DE MAIO:

-Visita a Madrid e Regreso.

Durante un venres do mes de maio, previsiblemente o día 24, os grupos de primaria e secundaria da Escola de Teatro Municipal de Laxe realizarán na Biblioteca Municipal Antón Zapata dous fragmentos teatrais de animación á Lectura que prepararon durante este curso.

Ao igual que sucede cos Festivais, estas actuacións terán un carácter aberto ao público en xeral.

25 de abril de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.