publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O compost doméstico de Guitiriz, Quiroga, Palas de Rei, Ribadeo e Ortigueira reúne os requisitos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGuitirizOrtigueiraPalas de ReiQuirogaRibadeo
A-
A+

O primeiro compost obtido trala implantación, da man de Sogama, dun programa de compostaxe doméstica  en 250 vivendas unifamiliares pertencentes aos concellos lucenses de Guitiriz, Quiroga, Palas de Rei e Ribadeo, ademais do coruñés de Ortigueira, sáldase cun balance positivo, reunindo  todos os requisitos de calidade recollidos na normativa vixente para ser aplicado ao solo con absolutas garantías. De acordo cos parámetros establecidos  polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e tras ser analizado polo Laboratorio Grupo de Investigación GI-1649 da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC, dependente do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), foi catalogado como Clase A.

Formación e medios materiais

O proxecto arrancaba o pasado mes de maio trala distribución, por parte desta empresa pública, dun total de 50 composteiros por localidade para que os fogares que voluntariamente decidiran participar no mesmo puidesen fabricar o seu propio abono a partir da materia orgánica xerada, evitando  desta forma que en torno ao 40-60 por cento dos residuos producidos fosen depositados, xunto coa fracción non reciclable, nos contedores verdes convencionais.

De forma paralela, levouse a cabo un curso de formación dirixido aos representantes municipais que asumiron o rol de mestres composteiros, encargándose posteriormente de ensinar a técnica ás familias incorporadas ao sistema e de efectuar un seguimento de todo o proceso, que estivo reforzado co reparto de material didáctico e divulgativo (carteis e manuais fundamentalmente) no que se describían os pasos a seguir para que a veciñanza adscrita a esta iniciativa obtivese uns resultados  favorables. O obxectivo último non era outro que o de pechar o ciclo de reciclaxe da materia orgánica en orixe e aproveitala integramente na vivenda como fertilizante natural para hortas, xardíns e terras de cultivo.

Os composteiros, de 360 litros de capacidade e fabricados con material reciclado e reciclable, axudaron aos participantes a levar a cabo un proceso máis hixiénico e controlado. Simultaneamente, os concellos repartiron entre os veciños bolsas de cores reutilizables de 20 litros de capacidade cada unha, elaboradas a partir de polipropileno reciclado, coa pretensión de facer máis cómoda a selección de refugallos en orixe, intentando así mellorar as taxas de reciclado a nivel municipal; un logro que non só traerá consigo compensacións medioambientais a nivel de aforro de enerxía e materias primas, senón tamén económicas, incrementándose os ingresos para as arcas locais en función da cantidade e calidade do material remitido aos centros recicladores, e minorando o importe da factura a pagar a Sogama.

Satisfacción co programa

Pero, máis aló dos beneficios ambientais e económicos, a autocompostaxe tamén trae consigo significativos beneficios sociais, xa que evita os continuos desprazamentos que a poboación do rural, habitualmente envellecida, debe realizar ata os contedores, polo xeral afastados das vivendas debido á alta dispersión da poboación. Así mesmo, demostrouse que este tipo de proxectos non supoñen ningún esforzo adicional para a veciñanza do medio rural, xa que a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e fabricación de compost forma parte do seu acervo cultural, permitindo que o programa, agora modernizado, se adapte plenamente ao estilo de vida da cidadanía.

A satisfacción co programa foi a tónica habitual nos cinco municipios. É por iso que, debido á alta demanda de composteiros e á existencia de listas de espera, algunhas localidades se estén formulando dar continuidade a esta iniciativa.

Resultados do compost analizado

Transcorridos máis de seis meses desde o inicio oficial do programa, procedeuse  ao análise do compost obtido, concluíndo a súa idoneidade como enmenda orgánica. Para proceder ao seu estudo, recolléronse 25 mostras distribuídas entre os cinco concellos participantes, avaliando parámetros tales como o pH e a densidade, que se atopan dentro da normalidade, así como a relación carbono/nitróxeno, considerada axeitada, sendo un importante indicador do grado de madurez do compost.

En canto a nutrientes tales como o fósforo, potasio, calcio, magnesio e sodio, todos eles posiciónanse dentro dos rangos normais, o mesmo que a granulometría, indicando os informes que o 98,12 por cento do produto pasaría por unha malla de 10 mm (no Real Decreto 824/2005 establécese que, alomenos, o 90 por cento debería pasar por unha malla destas características).

Quizais o punto máis delicado foi o contido de humidade, lixeiramente superior aos valores medios desexados, podendo deberse este desvío ás frecuentes choivas dos últimos tempos. É por iso que se recomendou aos usuarios que deixen secar o compost extraído antes de proceder á aplicación do mesmo.

1 de abril de 2013 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.