publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

López Abella e o alcalde de Boimorto reúnense contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimortoGaliciaLocal
A-
A+
Reunión de López Abella e Portos Vázquez

Reunión de López Abella e Portos Vázquez

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella,  mantivo esta semana unha xuntanza co alcalde de Boimorto, José Ignacio Portos Vázquez, para abordar diversos asuntos relacionados co seu departamento.

López Abella informou ao rexedor e á técnica do concello, Ana María Vallo Camba -tamén presente no encontro- das liñas de subvencións e axudas que este ano o departamento que dirixe levará a cabo, concretamente das destinadas ás entidades locais galegas.

O pasado ano o concello de Boimorto recibiu dúas subvencións, unha destinada á  promoción da igualdade entre mulleres e homes e outra de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Como vén sendo habitual nestas roldas de contactos cos responsables locais de Galicia, a secretaria xeral animou ao concello de Boimorto a adherirse a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que xa forman parte 82 concellos de todo Galicia.

A rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse o pasado setembro ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Fegamp; e está concibida como unha plataforma para favorecer o rexeitamento social, unha maior sensibilización e un compromiso real contra esta lacra, asociado a modelos de convivencia igualitarios.

A rede ten como obxectivos promover a prevención e a detección precoz de situacións de risco, estimular unha actitude comprometida e crítica da cidadanía fronte ao maltrato e xeneralizar a tolerancia cero contra as persoas agresoras, mediante o desenvolvemento de accións que a Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades integrantes da rede.

8 de abril de 2013 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.