publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

“FalaRedes” chega a Ponte Caldelas e a Outeiro de Rei con espectáculos musicais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalOuteiro de ReiPonte Caldelas
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa dinamizando o uso da lingua galega no tempo de lecer coas actividades de ‘FalaRedes’. Esta fin de semana, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e destinado aos concellos e entidades locais pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) chegará aos municipios de Ponte Caldelas e Outeiro de Rei, co espectáculo musical ‘A nena e o grilo nun barquiño’.

O musical, destinado ao público familiar, narra a viaxe da nena e do grilo a través do mundo das aventuras e da descuberta do mundo interior, da man do coñecido cantautor Magín Blanco. Catro músicos son os encargados de interpretar en directo as cancións do espectáculo representadas por actores do ‘Teatro dos Ghazafelhos’. A actividade dálle continuidade á historia “A nena e  o grilo”, que precorreu os concellos galegos hai tres anos da man do programa de dinamización lingüística “Bocaberta”, tamén promovido desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A solidariedade, o respecto á natureza, a identidade… son algúns dos valores que se transmiten tanto a través das peripecias dos personaxes coma das poéticas cancións que as acompañan, cancións en galego para seguir lembrando e cantando moito tempo despois de que caia o pano.

Esta fin de semana, as localidades anfitrioas serán Ponte Caldelas e Outeiro de Rei. No primeiro dos municipios terá lugar unha función o sábado ás 12:00 horas no salón de actos do Colexio Público, mentres que no concello lucense recalará o domingo, cunha sesión ás 12:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura. A duración aproximada do espectáculo é de 60 minutos e a entrada é libre ata esgotar aforo.

100 actividades ata fin de ano

As 18 sesións que “A nena e o grilo nun barquiño” desenvolverán ata o mes de xuño compleméntanse co resto de actividades propostas na segunda edición do programa ‘FalaRedes’. “As pombas de Carboeiro”, outro espectáculo no que teatro e música van da man, e no que colaboran as bandas de música de cada concello prosigue a súa andaina polos municipios da RDL, que completará con 19 funcións ata fin de ano.

Estas dúas iniciativas, xunto con outras propostas nas que xa está a traballar a Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad, sumarán máis de 100 actividades por toda a RDL dinamizando o uso do galego no tempo de lecer. Este obxectivo é o primordial do programa ‘FalaRedes’, que pretende cumprir coas directrices emanadas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a través de actividades que liguen a imaxe do galego a valores positivos e modernos da sociedade actual e, asemade, reforzaren o uso do galego entre galegofalantes e promoveren modelos lingüísticos entre os castelanfalantes.

Toda a información sobre FalaRedes está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013  e tamén nas redes sociais.

15 de abril de 2013 | 10:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.