publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Economía e Industria achega os oficios artesanais aos máis novos en Coles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaColesGaliciaLocal
A-
A+

O CPI Antonio Faílde da localidade ourensá de Coles acolle hoxe o proxecto didáctico “Enredando, artesanía na escola”, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, para achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos en maior medida.

A través da unidade didáctica O gremio da seda amósalles aos estudantes o procedemento da obtención deste material, desde o coidado dos vermes ata a extracción e enfiado da seda dos casulos. Como novidade este ano preséntase tamén o módulo Do papel ao libro. Neste módulo cada un dos participantes elabora artesanalmente 25 follas empregando os materiais e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto seguindo as indicacións que un artesán explica aos alumnos e os docentes nun exercicio práctico en cada un dos centros educativos. Con posterioridade realízase unha práctica de encadernación dun libro coas follas elaboradas na primeira fase seguindo a técnica de catro buratos.

“Enredando, artesanía na escola”, que se iniciou no curso 2011-2012, chegou na súa primeira edición a case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Ao longo deste curso chegará a 22 localidades galegas, ofrecendo aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía.

Con este programa, que o venres pasado se desenvolveu no CEIP Virxe da Saleta de Cea, a Consellería de Economía e Industria persegue concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces a artesanía como unha alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, contribúese a favorecer o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promóvese o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores, trasladando aos cativos o valor engadido da artesanía no que se refire á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

17 de abril de 2013 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.