publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Do Campo ratifica o apoio da Xunta aos proxectos para a dinamización do medio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalPaderne
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, reiterou hoxe o apoio do Goberno galego aos proxectos de investimento que contribúan á dinamización do medio rural galego, co fin de aumentar a calidade de vida dos seus habitantes e ampliar a xeración de oportunidades neste ámbito. Así, recordou que durante este 2013 a Consellería do Medio Rural e do Mar ven de reforzar as políticas de desenvolvemento rural cun aumento dun 25% dos fondos destinados a este fin respecto ao ano anterior.

Do Campo aportou estes datos na inauguración esta tarde en Paderne das novas instalacións da sociedade cooperativa O Plantel Comarcal de Betanzos. As obras tiveron un custe de 123.350 euros e foron cofinanciadas pola propia entidade, polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e pola consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Tamén o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 29 sufragou parte da actuación a través convocatoria de axudas do programa Leader, que xestiona Agader. En total, as achegas públicas supuxeron unha aportación do 32,5% do investimento, é dicir, 40.088 euros.

O proxecto permitiu ampliar e modernizar a fábrica de pensos compostos para animais, a través da creación dunha nova liña de ensacado automática para envasar penso e dun paletizador para mellorar o almacenamento do mesmo. Desta forma, poderase incrementar o rendemento do proceso produtivo.

Respaldo ás iniciativas xeradoras de riqueza

Acompañada polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Aguión, o presidente da entidade, José Antonio Quintán, e o alcalde de Paderne, César Longo, a máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que neste exercicio o orzamento de Agader destinado a proxectos de investimentos no rural pasou dos 39,7 millóns de euros de 2012 aos 49,4 millóns de euros actuais, o que supón un aumento global de 9,7 millóns de euros. “O respaldo aos proxectos xeradores de riqueza no rural é evidente, cun incremento notable nos orzamentos de Agader en todos os capítulos e programas destinados a este fin”, indicou.

Só no programa de elaboración de plans, estudos e novos proxectos de desenvolvemento rural –os chamados proxectos dinamizadores-, pásase de 13,2 a 18,6 millóns de euros cun aumento do 41%. Ademais, esta medida vai parella á aposta que fai a consellería nos presupostos deste ano para a mellora da competitividade dos sectores produtivos agrogandeiros, onde se incrementaron as axudas para plans de mellora das explotacións e, especialmente, para a incorporación de mozos.

Do Campo aproveitou tamén a súa intervención para realzar o importante papel dos GDR a prol do rural, “pois actúan como axentes locais para apoiar as iniciativas máis axeitadas para as distintas zonas xeográficas, grazas ao coñecemento directo e próximo que estes grupos teñen”.

Por último, a delegada territorial quixo destacar a labor a do cooperativismo para optimizar os recursos e a xeración de oportunidades. “Exemplos como o do Plantel Comarcal de Betanzos constitúen un motor fundamental para a vida económica e social das comarcas nas que se asentan e contribúen ao mantemento do medio rural de maneira sostible”, indicou Do Campo.

A sociedade cooperativa O Plantel constituíse en 1974, co fin de mellorar a calidade dos servizos e reducir os custes de produción aos gandeiros, principalmente con explotacións de vacún de leite dos municipios de Paderne, Irixoa, Monfero, Coirós, Cesuras, Oza dos Ríos, Bergondo, Betanzos, Sada, Abegondo, Cospeito, Guitiriz, Vilamaior e As Somozas. Actualmente conta con 60 socios e unha ducia de postos de traballo fixos. 

8 de abril de 2013 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.