publicidade hoxe

Deputación e Hijos de Rivera favorecen a creación de emprego coa ampliación da fábrica de Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocalLugoProvincias
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o conselleiro da corporación Hijos de Rivera, José María Rivera Trallero, asinaron este venres o contrato de compra venda de dúas parcelas cunha superficie total de 17.000 metros cadrados no polígono dos Acivros de Chantada, que a empresa galega destinará a ampliar a fábrica da súa filial Custom Drinks, situada na vila chantadina. A estes terreos, situados na ampliación do recinto industrial que urbanizou o organismo provincial, a firma, popularmente coñecida por Estrella Galicia, engadirá outros 1.600 metros cadrados dunha parcela anexa que lle comprará ó Concello.

O titular da institución luguesa destacou que coa operación formalizada hoxe, Deputación e Hijos de Rivera “favorecemos a creación de emprego e a innovación empresarial na provincia, contribuíndo á recuperación económica e á loita contra o grave despoboamento que padecemos”.

Previamente á sinatura do contrato de compra venda, Gómez Besteiro, Rivera Trallero e o Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, realizaron unha visita á fábrica de Custom Drinks, a antiga Sidrería Galega. O mandatario provincial destacou que iniciativas emprendedoras coma esta “son fundamentais sempre para a prosperidade dun país, pero moito máis nestes momentos tan difíciles, nos que acadamos taxas de paro insoportables para a sostibilidade económica, pero tamén en termos sociais”.

“Crear emprego é unha urxencia”

O mandatario provincial advertiu, neste senso, que hoxe “temos case 7.000 desempregados máis que hai 3 anos na provincia de Lugo, é dicir, o paro subiu un 23%, pero a situación aínda é máis grave na Zona Sur, onde o número de persoas sen traballo incrementouse nun 60% desde o 2010”. Entre os máis novos, engadiu, “o problema do paro é alarmante: a metade da poboación xuvenil de Galicia está no paro, e moitos vense na obriga de marchar do país, co que estamos a perder un capital humano determinante”. “Crear emprego é unha urxencia porque, se non creamos emprego, será imposible saír desta crise. Isto esixe un tecido empresarial competitivo, con gañas e capacidade de innovación, pero sobre todo un compromiso político que o impulse e o apoie”, manifestou Gómez Besteiro.

Pola súa banda, o conselleiro de Hijos de Rivera e administrador único de Custom Drinks, manifestou, en nome da compañía, a súa satisfacción pola adquisición dos novos terreos, “lo que proporciona a Custom Drinks la solidez necesaria como para afrontar el futuro con confianza y valorar nuevos proyectos en la zona”. Expresou así mesmo o compromiso da empresa “con la continuidad y la generación de riqueza en el entorno de Chantada”.

O Alcalde chantadino manifestou a súa satisfacción por que “unha empresa, nestes momentos tan complicados, non só manteña os postos de traballo, senón que os incremente”. Varela aproveitou así mesmo para demandar ó Goberno central a execución da autovía A-56 entre Lugo e Ourense, unha infraestrutura imprescindible para impulsar o desenvolvemento socioeconómico do municipio e de toda a Zona Sur.

Unha ampliación moi esperada

No compromiso político da Deputación coa creación de emprego situou o Presidente provincial a ampliación do polígono chantadino, unha obra moi esperada, pois había unha forte demanda de solo industrial para a creación ou ampliación de proxectos empresariais, en tanto que a capacidade do parque dos Acivros estaba ó completo. Os plans para ampliación do complexo comezaron a formularse a finais dos 90, pero non foi ata a chegada deste Goberno provincial cando se dotou economicamente o proxecto e se executaron as obras. Gómez Besteiro destacou neste senso a decisión da Deputación “de apostar por este proxecto en momentos de crise”, engadindo que nos últimos anos o organismo provincial realizou investimentos reais no Concello chantadino por valor de 10 millóns de euros, entre o polígono, o pago da débeda do Canon hidroeléctrico e a creación do parque de bombeiros.

O organismo lugués investiu preto de 3 millóns de euros, a través da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), na urbanización de 118.000 novos metros cadrados do complexo industrial, duplicando deste xeito a superficie coa que contaba o recinto. Esta nova fase conta con 48 parcelas, que suman unha superficie de 80.000 metros.

Máis vendas de terreo

Ademais, para incentivar o asentamento empresarial, a Deputación rebaixou o prezo do solo ós 33 euros o medro cadrado de media, ata un 67% máis barato que o xestionado pola Xunta de Galicia. Este custe competitivo está a estimular de feito a compra de terreos, pois, xunto á compañía Hijos de Rivera, que adquiriu as dúas parcelas de 17.000 metros de superficie por preto de 612.000 euros, houbo outras dúas pequenas empresas locais que tamén adquiriron solares, cunha extensión conxunta de 2.500 metros.

Deste xeito, a día de hoxe, e tan só nuns poucos meses, está vendido xa o 24% do solo dispoñible do polígono de Chantada. A maiores, unha decena de empresarios mostráronse interesados en facerse con terreo industrial no complexo habilitado pola institución lucense, e dous deles xa teñen formalizada a reserva de 6.500 metros cadrados.

A única sidrería ecolóxica en Galicia

Custom Drinks é unha compañía pertencente á Corporación Hijos de Rivera. Conta cun amplo abano de produtos premium no seu catálogo, como é o caso da sidra Extra Ecológica Maeloc, os combinados La Tita Rivera ou os mostos Zuvit,  sendo ademais capaz de ofrecer ós seus clientes o concepto “Made to Order”, adaptándose para poder fabricar calquera bebida en calquera formato.

Na actualidade, é a única compañía sidreira en Galicia e unha das poucas en España que aposta pola agricultura ecolóxica na elaboración dos seus produtos. Algo que combina co seu labor de laboratorio I+D+i e plataforma de innovación, que foi capaz de adaptar as últimas tendencias en formatos e produtos a procesos produtivos e tecnolóxicos.

12 de abril de 2013 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.