publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A paisaxe sonora galega será divulgada a través do proxecto “European Acoustic Heritage”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza ata primeiros de maio unha decena de accións divulgativas e concertos arredor da paisaxe sonora galega coa que culminan dous anos de traballo no marco do proxecto European Acoustic Heritage (Patrimonio Acústico Europeo), liderado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao abeiro do programa Cultura da Unión Europea.

O proxecto conta coa participación da Fundación Illa de San Simón, que pasa a formar parte da programación cultural da Xunta de Galicia. Esta programación, coordinada pola Agadic e Escoitar.org, desenvólvese en diferentes puntos de Galicia a través de conferencias, talleres, concertos de artistas sonoros, actividades pedagóxicas, paseos de escoita pola ría de Vigo e pola costa de Ferrol e una exposición na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Os outros socios do proxecto europeo son a o Phonogrammarchiv da Academia das Ciencias de Austria, o centro Cresson para a investigación sobre o espazo sonoro e o medio urbano da Escola Nacional Superior de Arquitectura de Grenoble (Francia) e á Universidade de Ciencias Aplicadas de Tampere (Finlandia).

Mostra interactiva

Tras a súa estadía en Tampere, Grenoble, Bruxelas e a cidade grega de Volos, a mostra European Acoustic Heritage chega á Cidade da Cultura para a súa exhibición do 20 de abril ao 3 de maio no edificio do Centro de Emprendemento Creativo de Galicia. A exposición, de carácter prioritariamente divulgativo, articúlase a través de diferentes materiais e dispositivos interactivos co obxectivo de lles achegar aos visitantes unha cartografía xeral arredor dos múltiples mapas sonoros elaborados durante os últimos dous anos polos diferentes grupos de traballo asociados ao proxecto; así como de afondar noutra, máis específica, que se centra nos estudos dos sons da auga e na que Galicia participou activamente.

Trala inauguración da mostra na tarde do vindeiro sábado, o Centro de Emprendemento Creativo acollerá o concerto do compositor e etnomusicólogo galego Carlos Suárez a partir de gravacións de paisaxes sonoras realizadas para esta iniciativa.

Concerto en Campo Lameiro e cantos mariñeiros en Espasante
No calendario de actuacións tamén figura a intervención de arte sonora que o compositor Pablo Sanz protagonizará o domingo 21, ás 13.00 horas, no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) e un evento especial que, baixo o título Contos e cantos mariñeiros, celebrarase o venres 3 de maio como un roteiro por Espasante (Ortigueira) e as súas tabernas para afondar na memoria oral da zona.

O proxecto European Acoustic Heritage ofrece, así mesmo, tres paseos sonoros que porán a disposicións dos participantes distintas posibilidades de escoita das nosas paisaxes sonoras. O primeiro deles terá lugar na mañá so sábado 20 pola ría de Vigo, con saída desde o peirao de Bouzas e viaxe ata as praias de Cangas e a través do estreito de Rande. Durante o traxecto, os inscritos irán escoitando o fondo submarino coas explicacións do artista Mikel R. Nieto, especialista en hidrofonía.

O sábado seguinte, día 27, o paseo trasladarase á costa de Ferrol para descubrir os sons do litoral da man do xeógrafo Juan López Bedoya, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, en colaboración coa cooperativa de Redondela Trespés, organízanse outras catro saídas a diferentes puntos da enseada de San Simón, conducidas polo fonografista e artista sonoro Juanjo Palacios e para as que xa están reservadas todas as prazas. As persoas interesadas en participar nos paseos dos días 20 e 27, para os que se habilitaron 30 e 20 prazas, respectivamente, poden formalizar as súas inscricións a través do mail info@sinsalaudio.org.

Obradoiro para público non especializado

Neste mesmo correo electrónico recibiranse as solicitudes de participación no taller Son e espazo. Obradoiro de escoita activa e fonografía, que o artista sonoro Pablo Sanz ofrecerá os días 22 e 23 na Cidade da Cultura de Galicia. Pensado para adultos sen coñecementos específicos, o taller busca facilitar un achegamento á fonografía como práctica creativa e ferramenta interdisciplinar.

A programación inclúe outra serie de actividades divulgativas e pedagóxicas dirixidas a un público máis específico, entre as que destacan o taller Sereas no oído, impartido por Mikel R. Nieto a alumnos do IES Audiovisual de Vigo, así como un seminario co artista Pablo Sanz e unha mesa redonda cos representantes das diferentes entidades socias de European Acoustic Heritage que se desenvolverán na Facultade de Belas Artes de Pontevedra dentro das súas II Xornadas de Investigación.

Contribución sonora á diversidade cultural

Os traballos de Patrimonio Acústico Europeo botaron a andar en 2011 co obxectivo de subliñar a relevancia da paisaxe sonora como patrimonio inmaterial, afondando ao tempo na súa contribución á diversidade cultural europea. A súa finalidade é estudar a importancia dos sons da nosa contorna desde unha perspectiva histórica e cultural para determinar o seu valor como patrimonio inmaterial e a súa importancia na configuración da paisaxe sonora europea, atendendo tanto ás particularidades como ás similitudes acústicas que se producen neste contexto tan amplo.

Desenvolvido no marco Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea, o proxecto contou cun orzamento global de 354.391 euros. Na súa primeira fase, establecéronse grupos de traballo por cada un dos países participantes co fin de recoller os sons representativos da cidade e do ámbito doméstico para analizar os signos distintivos da paisaxe sonora contemporánea e histórica de cada unha das áreas xeográficas definidas. Neste sentido, realizouse un amplo rexistro sonoro por categorías (sons naturais, oficios tradicionais, mecánicos, industriais, sinais acústicos, interacción social, silencios, eventos sonoros e outros) a partir dos que identificar e definir o que podería ser a memoria acústica europea.

Nesta segunda parte do proxecto, na que se insire este programa galego de actividades, os seus integrantes están a traballar conxuntamente como parte dun único grupo europeo para compartir coa sociedade os resultados deste labor de recollida, estudo e análise desenvolvido en cada un dos seus países.

17 de abril de 2013 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.