publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O saneamento do Pereiro de Aguiar suporá un investimento de 1,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia, o concello do Pereiro de Aguiar e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para o financiamento e a execución das obras de mellora do saneamento do Pereiro de Aguiar, na provincia de Ourense, así como a formalización da encomenda de xestión para o mantemento e a conservación das ditas obras.

O conxunto de actuacións recollidas neste convenio permitirán finalizar a estación de tratamento de augas residuais (Edar) do municipio, así como mellorar de forma substancial a rede de saneamento existente. Unha vez rematadas as obras, as augas residuais de orixe doméstica do concello do Pereiro de Aguiar, que actualmente son conducidas para o seu tratamento á depuradora do polígono de San Cibrao, serán tratadas na nova depuradora, mentres que as de orixe industrial procedentes do parque empresarial do Pereiro seguirán depurándose en San Cibrao.

Con este proxecto conséguese un dobre obxectivo. Por unha banda, o novo sistema suporá o correcto tratamento das augas residuais mellorando os estándares de calidade no medio receptor, en especial o ecosistema hídrico do río Lonia e o embalse de Cachamuíña. Ademais, ao separar as augas residuais urbanas das industriais, reducirase de xeito significativo a cantidade de auga que ten que tratarse na Edar de San Cibrao, o cal permitirá unha maior eficiencia desta.

Financiamento do proxecto

O orzamento total para levar a cabo as actuacións previstas neste convenio ascende a máis de 1.500.000 euros. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), achegará o 80% do orzamento mentres que Augas de Galicia achegará o 20% restante.

INVESTIMENTO

TOTAL

CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DO MIÑO – SIL (80%)

XUNTA DE GALICIA (20%)

1.500.000,00 €

1.200.000,00 €

300.000,00 €

A vixencia do convenio non concluirá ata que se finalicen todas as actuacións, que terán unha duración de 18 meses. As obras iniciaranse no segundo semestre de 2013.

Desenvolvemento das actuacións

En virtude do convenio autorizado hoxe, o proxecto será licitado e executado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Ademais, formarase unha comisión de seguimento composta por representantes de Augas de Galicia, un representante da Delegación do Goberno en Galicia, un representante de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e outro do concello. A esta comisión correspóndelle avaliar o cumprimento do convenio, interpretar o seu contido, informar sobre incidencias que xurdan na execución e propoñer solucións a posibles controversias.

Durante o período de actuacións, o Concello continuará sendo o responsable da xestión das augas residuais mentres que non se dean por concluídos os traballos. Unha vez rematadas as obras, notificarase a Augas de Galicia e será entregada ao Concello.

A partir de ese momento a Administración local farase cargo da xestión, mantemento e conservación da infraestrutura de depuración cunha duración indefinida, mentres que a Confederación Hidrolóxica Miño-Sil reservará para si as funcións de inspección e control.

11 de abril de 2013 | 15:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.