publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo potencia a comercialización dos produtos autóctonos na III Festa do Viño de Negueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLugoNegueira de MuñizProvincias
A-
A+

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, participa este sábado na 3ª edición da Festa do Viño de Negueira de Muñiz, un certame organizado pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedos da Ribeira do Navia que conta coa colaboración económica da Deputación de Lugo para a súa posta en marcha, ó igual que outros numerosos eventos deste tipo que se celebran por toda a provincia e que perseguen poñer en valor e abrir novas vías de comercialización ó sector agroalimentario. A asociación impulsora da feira reúne a unha ducia de viticultores que producen nas zonas de montaña da provincia, e que buscan unha produción de calidade, caracterizada pola singularidade e a calidade, fronte á cantidade producida noutras zonas vinícolas.

A colaboración que a institución luguesa lle presta ó certame de Negueira está enmarcada dentro na súa aposta polos sectores estratéxicos e produtos autóctonos de calidade como elemento impulsor do crecemento económico. Álvaro Santos destacou a importancia das axudas a iniciativas que dan a coñecer a calidade dos produtos agroalimentarios: “É fundamental apoiar eventos que poñan en valor e melloren a comercialización dos produtos autóctonos de calidade. Estes supoñen un factor de creación de postos de traballo, especialmente no rural, onde hai que loitar contra o despoboamento impulsando os seus factores diferenciais”.

A Deputación de Lugo colabora con asociacións e Concellos de todas as cores políticas, aportando preto de 100.000 euros destinadas a axudas económicas directas, así coma outros de tipo de colaboracións que son, segundo o manifestado polos organizadores dos eventos, fundamentais para garantir a súa continuidade a día de hoxe.

Os actos programados para este sábado en Negueira de Muñiz arrancaron ás 11:00 horas, coa apertura do mercado no que os visitantes poderán mercar, ademais de viño, outros alimentos producidos na zona, tales coma froita, hortalizas ou embutidos. A xornada complétase cunha degustación gratuíta de viño dos diferentes produtores, actuacións musicais e o xantar a base de polbo que ofrecerán os restaurantes da localidade.

15 de abril de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.