publicidade hoxe

A Deputación de Lugo destina 15.000 euros a reconstruír unha estrada en Ourol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoOurolProvincias
A-
A+

A Deputación de Lugo está a acometelas obras de reconstrución da estrada provincial 3807, que une os núcleos de Bravos e San Pantaleón, no Concello de Ourol, tralos danos ocasionados polo ciclón Gong. O organismo provincial destina un orzamento de 15.000 euros a estes traballos, que estarán listos a próxima semana.

As intensas choivas rexistradas a mediados de xaneiro co paso do temporal Gong pola provincia provocaron derrubes nunha das marxes desta vía ourolesa, á altura do quilómetro 3,500, polo que foi necesario cerrar ó tráfico o carril afectado, instalando a sinalización correspondente. A solución adoptada pola Deputación para arranxar a vía e dotala de novo de dous carrís de circulación consiste en facer un pequeno desvío sobre o trazado inicial da calzada, co fin de garantir a estabilidade do terreo e a seguridade dos condutores.

En concreto, dende a pasada semana estase a abrir cunha máquina escavadora un espazo pola marxe que non sufriu derrubes co fin de habilitalo como calzada. Os movementos de terras necesarios concluirán previsiblemente mañá, e a continuación iniciaranse os traballos de pavimentación do firme. Tamén se acondicionará a parte derrubada, onde se colocará unha bionda para evitar riscos.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, agradeceu as facilidades que, tanto os veciños, como o Concello, “nos deron para poder realizar estas obras”. Deste xeito, Martínez cualificounas como “un exemplo de colaboración veciñal e institucional”, pois a comunidade de montes de Bravos cedeu de balde, co beneplácito do Concello, os terreos necesarios para habilitar o desvío na estrada provincial. O Deputado explicou así mesmo que as actuacións, que se acometen con cargo ó Plan de Conservación de Estradas, comezaron en canto o organismo lugués puido dispoñer desa superficie necesaria para ampliala calzada e en canto melloraron as condicións meteorolóxicas.

Arranca o Plan de Rebacheo

Co comezo do bo tempo, a Deputación tamén puido iniciar o Plan de Rebacheo deste 2013, no que inviste máis de 5 millóns de euros para acondicionar as estradas provincias dos 67 Concellos lucenses. Estas actuacións acométense igualmente con cargo ó Plan de Conservación de Estradas, que divide a rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros, en 8 zonas para garantir a operatividade de tódalas actuacións.

Mil quilómetros de estradas provinciais na Mariña

As estradas provinciais dos 16 Concellos mariñanos teñen máis de 1.000 quilómetros e están distribuídas entre as denominadas Zonas 1 e 2. En concreto, a Zona 1, adxudicada á UTE J. Sanjurjo S.L.-Carferlo S.L., está formada polos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba, que suman 530 quilómetros; e a Zona 2, adxudicada a Isidro Otero, fórmana os municipios do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova, que suman un total de 618 quilómetros.

Os traballos de bacheo estanse a acometer de maneira simultánea nas 8 zonas cun dispositivo composto por un total de 50 operarios e 32 máquinas, coordinado por 16 capataces e vixilantes. As actuacións que se están a levar a cabo atenden ás necesidades recompiladas polos técnicos provinciais durante os últimos meses, e tamén a solicitudes veciñais.

En 5 anos, este Goberno provincial multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200 no conxunto da provincia.

25 de abril de 2013 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.