publicidade hoxe

Rodeiro organiza unha charla informativa para hostaleiros centrada nos viños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRodeiro
A-
A+

O Concello de Rodeiro organiza unha charla informativa para hostaleiros centrada en temas relacionados coa profesión de sumiller. Así, abordaranse cuestións sobre como conservar e almacenar os viños ou a temperatura e forma de servir cada un dos caldos en función das súas características.

A xornada, que será de balde e terá lugar mañá, mércores, ás 18,00 horas no restaurante Casa Sánchez, incluirá tamén unha cata de tres viños de denominación de orixe e preséntase como un paso previo á celebración da II Ruta Rodeiro de Tapas, coa que o Goberno local quere impulsar o sector hostaleiro do municipio.

De feito, nesta ocasión, Rodeiro de Tapas pretende combinar a dinamización da hostalería coa posta en valor e a promoción do sector agroalimentario cambote, do que viven moitos pequenos produtores. Neste sentido, o Concello de Rodeiro pretende crear unha alianza entre hostalería e sector agrogandeiro para que se fortalezan mutuamente.

Con este obxectivo, buscarase que os locais que participen en Rodeiro de tapas ofrezan entre as súas propostas pratos elaborados con ingredientes producidos en Rodeiro, como poden ser os produtos de horta, carnes, pan ou queixos.

5 de marzo de 2013 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.