publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Mesía abre o prazo para solicitar as axudas municipais á natalidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMesía
A-
A+

O Concello de Mesía abre desde o mércores 6 de marzo o periodo de presentación de solicitudes de axudas por nacemento de fillos ou fillas, adopcións e acollementos que se produzan durante o ano 2013. A axuda ten unha contía de 300 euros por cada nacemento, adopción ou acollemento, en pagamento único. É compatible con calquera outra establecida polas demais administracións públicas e os seus organismos dependentes.

Posibles beneficiarios

Poden ser beneficiarios destas axudas unidades familiares con residencia habitual no Concello de Mesía. Aos efectos da convocatoria, considérase unidade familiar a formada polo solicitante, o seu cónxuxe ou persoa con quen conviva como parella de feito, o que se debe acreditar, así como os fillos e fillas sobre os que teñan a custodia e convivan no mesmo domicilio.

Esixencias para acceder ás axudas
Un dos principais requisitos que deben cumprir para que lles sexa concedida a axuda é ter fixada a residencia no municipio de Mesía. Débese acreditar que polo menos un dos pais está inscrito no Padrón Municipal de Habitantes cun mínimo de dous anos de antigüidade ininterrompidos. Cóntase desde a data en que se formula a solicitude.

Nos casos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai ou nai que teña a custodia dos fillos, de acordo co que estableza o convenio regulador ou a sentenza de separación ou divorcio. Non poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.

Os requerimentos da convocatoria tamén recollen que o nacemento, adopción ou acollemento se produza entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013.

Ademais, establécese que os beneficarios non deben ter débedas pendentes co Concello de Mesía, cuestión que se comprobará de oficio.

Por último, os beneficiarios da axuda (pais e fillos) deben permanecer empadroados no Concello durante un período mínimo de dous anos. No caso de que se incumpra esta condición, a axuda deberá ser devolta integramente. O Concello fará a reclamación segundo os procedementos legais. A unidade familiar tamén está obrigada a comunicar calquera cambio na súa situación que fose relevante para a concesión da axuda. Ocultar tales cambios pode dar lugar ao deber de reintegrar a contía.

Documentación para a solicitude
Para presentar as solicitudes cómpre achegar fotocopia compulsada do DNI, CIF ou NIE do solicitante, certificado de empadroamento dun dos dous cónxuxes, certificado de convivencia familiar, copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio nos casos que proceda, certificación que acredite a condición de titor ou titora do menor nos casos que corresponda, certificado literal da inscrición no Rexistro Civil ou fotocopia compulsada do Libro de Familia onde conste o nacemento.

En caso de adopción, debe achegarse fotocopia compulsada do auto xudicial de adopción. Se se trata dun acollemento, é preciso achegar copia compulsada da correspondente resolución administrativa.

Necesítase tamén que o solicitante adxunte os seus datos bancarios á solicitude, para proceder ao ingreso da axuda en caso de ser concedida.

Prazo
As solicitudes poden presentarse ata o 31 de decembro nas oficinas municipais. O departamento de Servizos Sociais será o encargado de comprobar que todas as peticións cumpran as esixencias da convocatoria e proporá á Alcaldía a concesión ou denegación da axuda segundo os criterios das bases da convocatoria

5 de marzo de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.