publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Aprobada a declaración de emerxencia das obras dun noiro da autovía Ferrol-Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolGaliciaVilalba
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe as obras de emerxencia necesarias para a estabilización dun noiro da Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) á altura do punto quilométrico 24+300, no tramo Igrexafeita-Espiñaredo.

Esta actuación é necesaria despois de que en xaneiro deste ano, por mor das intensas choivas rexistradas a finais de mes, se producise unha rotura con desprazamento de rocha. A Axencia Galega de Infraestruturas encargou un estudo xeotécnico co obxectivo de determinar as medidas necesarias para garantir a estabilidade da ladeira.

As obras de emerxencia comezaron esta mesma semana e consisten na realización dunha berma de 6 metros de ancho, tumbado do noiro existente a 45º para diminuír a súa pendente, e posterior reforzo consistente na proxección de formigón, colocación de ancoraxes e de malla, que permitirán incrementar a resistencia fronte aos desprazamentos, mellorando a súa estabilidade.

Estes traballos de estabilización do terraplén rematarán en dous meses, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan avanzar ao ritmo previsto, e implicarán un investimento de máis de 224.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Durante os traballos manterase pechado ao tráfico nese punto o carril dereito da autovía na calzada en sentido Ferrol, para garantir a seguridade dos traballadores, así como dos usuarios da vía.

A pesar de que a zona de obra estará debidamente sinalizada, desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicítase precaución aos condutores que circulen por este punto e que teñan en conta a presenza de persoas executando estes traballos.

21 de marzo de 2013 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.