publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta reúnese co Concello da Porqueira para impulsar a tramitación do Plan Xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PorqueiraGalicia
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado, para impulsar a tramitación do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) deste municipio ourensán.

Nesta xuntanza o equipo redactor do planeamento presentou os trámites levados a cabo ata o momento e o modelo de ordenación do PXOM pendente de aprobar.

Cómpre lembrar que o Concello de Porqueira réxese por unhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas no ano 1991. O PXOM deste municipio está en trámite dende o ano 2003, dispoñendo xa do documento de referencia de avaliación ambiental do planeamento.

No que se refire á tramitación do plan, a Xunta requírelle ao Concello de Porqueira a adaptación do documento á modificación da LOUG, traballo que o municipio xa ten iniciado a través do equipo redactor. Unha vez rematada esta adaptación dos núcleos, o concello deber emitir o documento á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a emisión dun novo IPAI.

Encarnación Rivas e os representantes locais abordaron a necesidade de tramitar un plan especial de infraestruturas e dotacións para acoller a construción dun fogar residencial municipal. A secretaria xeral de Ordenación do Territorio explicoulles os trámites que deben levar a cabo dende o concello para tramitar este plan especial.

Coordinación

O Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, concedeu preto de 80.000 euros ao Concello de Porqueira en concepto de axudas para a redacción do planeamento urbanístico e adaptación dos traballos do PXOM á Lei 2/2010.

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo destacou a importancia da coordinación e colaboración entre administracións, neste caso Xunta de Galicia e Concello de Porqueira, para avanzar no proceso de consecución dun planeamento que ordene o territorio deste municipio ourensán.

11 de marzo de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.