publicidade hoxe

A Deputación acorda solicitar ó Concello de Guitiriz a licenza de obra para construír un centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLocalLugoProvincias
A-
A+

A Deputación acordou solicitar nos vindeiros días ó Concello de Guitiriz a licenza para poder iniciar as obras dun centro para maiores que “verdadeiramente” favoreza o benestar dos veciños. O organismo provincial decidiu pedir á entidade local o permiso imprescindible para comezar coa construción dun centro de día e residencia pública na Casa da Botica, cunha planta baixa con servizos comúns como ximnasio, comedor ou enfermería, con 24 habitacións individuais con posibilidade de que sexan dobres para uso de familiares en caso de visitas e con zonas axardinadas. A institución mantén a súa proposta inicial, descartando deste xeito a realizada polo Alcalde deste municipio, Xosé María Teixido, que prefire abrir unha nova rúa na zona, reducindo nun 50% as dimensións das instalacións para a terceira idade, recortando a 14 o número de habitacións e facéndoas todas elas compartidas agás 2.

A responsable da área de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, subliñou que “o obxectivo da nosa rede de centros de día e residencias públicas na provincia é potenciar o benestar e mellorar a calidade asistencial dos maiores, con novas dotacións sociais que xeren emprego e combatan o despoboamento demográfico no rural e non con novas infraestruturas viarias. A proposta de Teixido non comparte a finalidade do noso proxecto porque entendemos que a apertura dunha nova rúa, diminuíndo tanto os servizos ós maiores como a calidade dos mesmos, non contribúe ó benestar dos veciños dun Concello onde unha vintena de persoas xa teñen que acudir a centro privados fóra de Guitiriz para contar coas prestacións que ofrecen centros de día e residencias. Hoxe son máis de 20 persoas pero temos que ter en conta que o 30% da poboación de Guitiriz supera os 65 anos polo que a cifra de demandantes destas instalacións, inevitablemente, será maior. Por elo, a nosa finalidade é ofertar servizos sociais públicos de calidade nos Concellos co obxectivo de que os veciños teñan acceso ós mesmos sen abandonar as súas casas”.

Un centro máis caro e con menos servizos

García Porto destacou que “o centro para maiores que propón Teixido sería máis caro xa que ofertaría menos prestacións, ó reducir as dimensións para servizos sociais coa apertura dunha rúa, e de menor calidade, ó ofrecer habitacións compartidas. O Rexedor quere minguar a asistencia social e non así os custes xa que, por exemplo, sería necesario contratar o mesmo persoal sanitario, tendo en conta o número de prazas, que serían do redor dunhas 25 en todos os casos, tal e como establece a Lei de Servizos Sociais. Nós antepoñemos o benestar social dos veciños e o Alcalde os seus intereses urbanísticos”. A Deputada remarcou que “tampouco podemos entender a postura que mantivo Teixido durante todo este proceso. Primeiro no quería o centro de día e residencia pública da Deputación ó levar estas instalacións á Casa da Botica, que consideraba un lugar moi céntrico para tranquilidade dos seus usuarios, e agora quere situar alí unha rúa con tránsito viario, poñendo en perigo a seguridade dos maiores”.

“Boa vontade para desbloquear esta iniciativa”

A Deputación celebrou ata 3 Comisións de Seguimento do proxecto de construción do centro de día e residencia pública de Guitiriz, convidando en todos os casos ó Alcalde co obxectivo de acordar e poñer en marcha esta iniciativa, que leva 2 anos bloqueada debido á indefinición de Teixido que, ata onte, cando se celebrou a última comisión, non desvelou as súas intencións. García Porto destacou que “dende esta institución sempre tivemos vontade de diálogo e consenso co Concello, tal e como queda patente coa celebración de varios encontros nos que participaron, ademais do Alcalde, técnicos provinciais e municipais. Non podemos cumprir co requisito de Teixido de construír unha nova rúa, cando isto supón a redución de prestacións sociais, pero si construír un centro de día e unha residencia pública, que favoreza o benestar e xere emprego en Guitiriz. Por elo, esperamos a boa vontade do Rexedor para que desbloquee, definitivamente, a posta en marcha desta iniciativa, tendo en conta que, ademais, xerará 20 novos empregos directos en Guitiriz (coidadores sociais, médicos, ATS como os de administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza…) e ducias de indirectos, ó tempo que impulsará a economía da zona, potenciando a actividade de pequenas empresas e autónomos”. Outro exemplo dos posibles beneficios deste proxecto é que só por conceder a licenza de obra, que é imprescindible para poder iniciar estes traballos, o Concello xa ingresaría inmediatamente nas arcas municipais uns 50.000 euros.

A institución provincial levaba dende maio de 2011, data na que Deputación e Concello asinaron o convenio para a construción dun centro para maiores, esperando a que o Alcalde aclare a súa postura para iniciar as súas obras. Segundo este convenio, o organismo provincial inviste 1,2 millóns de euros e o Concello participa no seu financiamento con 200.000 euros, ó tempo que concede os terreos necesarios e os servizos urbanísticos.

19 de marzo de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.