publicidade hoxe

Vilar de Santos aproba definitivamente o orzamento 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilar de Santos
A-
A+

Trala aprobación inicial no pleno e despois da publicación no BOP, está aprobado definitivamente e en vigor o orzamento xeral do Concello de Vilar de Santos de 780.000 euros para o ano 2013.

Nunha coxuntura como a actual de crise económica, estes orzamentos van permitir continuar e reforzar a nosa aposta polo aproveitamento e a posta en valor dos recursos e das capacidades locais para dotarnos de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos de calidade. Neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, racional, eficiente e solvente co diñeiro público. En cifras, o gasto de persoal supón o 35,6%; os gastos correntes significan, o 25,4%; unha carga financeira do 0,6% e sobre todo a inexistencia de plan de axuste e de débeda con provedores, ao tempo que reforzamos a inversión produtiva, destinando a investimentos 284.000 euros, o 36,5% do orzamento.

Son uns orzamentos realistas, equilibrados e axustados, priorizados para levar a cabo proxectos definidos en relación a varias áreas de actuación:

  • Continuar co impulso da rehabilitación na Area de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, posta en marcha no 2012, con novas inversións para contribuír á recuperación e posta en valor da zona con novos usos e funcionalidades e crear actividade económica coa rehabilitación.
  • Promoción da actividade económica e o emprego no Parque Empresarial. O Concello prepara a venda dun segundo lote de parcelas de solo industrial dispoñible que financiarán novas inversións, para a instalación de novas empresas e servizos e seguir consolidando ao Parque Empresarial de Vilar de Santos que xa conta con 190.000 m2 e 20 empresas instaladas
  • Aposta por servizos sociais públicos, universais e de calidade co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para unha mellor atención á Dependencia e a ampliación dos servizos sociais comunitarios cos diversos programas en marcha. Coa reforma da antiga escola unitaria de Vilar de Santos, porase en marcha un PAI- Punto de Atención á Infancia, que xa conta cunha axuda de AGADER
  • Continuar coa mellora das infraestruturas e os servizos públicos. Con proxectos de mellora no saneamento e abastecemento, pavimentacións e continuar co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética con novas actuacións nos  servizos públicos municipais.

As contas do concello son indicativas da boa xestión e da garantía e liquidez do concello e poñen de manifesto a nosa capacidade e solvencia, proporcionando seguridade económica e permiten afrontar o futuro sen ter que facer recortes nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello facendo fronte aos recortes das outras administracións con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos.

22 de febreiro de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.