publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Edición do patrimonio artístico e oral de Chandrexa de Queixa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChandrexa de QueixaOurense
A-
A+
Presentación do libro

Presentación do libro

No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a presentación do libro “Chandrexa de Queixa, patrimonio artístico e tradición oral”, unha obra de José Flaminio González Lamelas, que xungue patrimonio artístico e relixioso coa tradición oral das montañas da Serra de Queixa. O acto contou coa presenza do autor, quen estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polo alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez.

Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense ten como unha das súas principais liñas de traballo “a difusión e coñecemento da riqueza patrimonial da provincia. De aí xurdiu o interese en publicar esta obra, que fai un percorrido polas 28 igrexas que conserva o municipio de Chandrexa de Queixa, recollendo un inventario pormenorizado das mesmas e destacando aspectos arquitectónicos, de conservación das edificacións, advocacións, inscricións e os sinais históricos máis salientables”.

O libro está ilustrado con fotografías do propio autor, quen recolleu, ademais lendas tradicionais relacionadas coas igrexas e as 18 parroquias da contorna.

Esta é a segunda obra que a Deputación de Ourense edita sobre Chandrexa de Queixa. No ano 2010 presentouse o libro “Chandrexa de Queixa. Patrimonio Natural”, no que se daba a coñecer o Patrimonio Natural de Chandrexa de Queixa, así como as circunstancias xeolóxicas que marcaron a orixe e modelaron a paisaxe desta zona da provincia de Ourense, xunto coa súa fauna e a súa flora. A obra completábase cun estudio demográfico e de distribución dos seus habitantes, que puña de manifesto a delicada situación que vive o interior de Galicia e a necesidade de impulsar iniciativas que dinamicen as comarcas do interior e que permitan aproveitar os recursos naturais, turísticos e patrimoniais dunha fermosa comarca como é a das terras de Chandrexa de Queixa.

22 de febreiro de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.