publicidade hoxe

Ningún veciño de Celanova solicitou ningún local municipal nas últimas semanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal
A-
A+

O alcalde de Celanova, José Luís Ferro, quere saír ó paso das críticas formuladas polo grupo municipal do BNG a través dos medios de comunicación onde asegura que este alcalde “non lle cedeu o salón de plenos ós veciños”, negando rotundamente que iso sexa certo, entre outras cousas porque ningún veciño de Celanova ten solicitado dende que el accedeu á alcaldía a utilización de ningunha dependencia municipal, nin de forma particular nin de forma colectiva, a non ser o colectivo de comerciantes do municipio a quen loxicamente se lles cedeu o salón de actos do Claustro Barroco (como non podía ser doutro xeito) en tódalas ocasións na que o requiriron.

José Luís Ferro informa que se lle denegou a utilización do salón de actos (non do salón de plenos, como indica o BNG) foi a unha persoa que non é veciña do Concello de Celanova e que presentou a solicitude en nome dunha “empresa que opera en España como agente de Banca Popolare Etica, S. Coop”, tal e como eles mesmos se definen na súa propia web, seguindo a tradición de “non conceder as instalacións públicas para a organización de eventos de carácter privado ou asociativo privado que teñan un ámbito extramunicipal”, como é o caso do colectivo ó que dicía representar a asinante do escrito.

O alcalde de Celanova quere ratificarse na súa decisión asegurando que calquera veciño de Celanova que desexe utilizar algunha dependencia municipal para iniciativas de carácter colectivo non lucrativo, terá as portas abertas sempre e cando o solicite en tempo e forma.

22 de febreiro de 2013 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.