publicidade hoxe

Declaración da rede de dinamización lingüística con motivo do Día Internacional da Lingua Materna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAviónLocal
A-
A+

O Día Internacional da Lingua Materna, instituído pola Unesco no ano 1999, convídanos a contemplar a diversidade lingüística humana coma unha vantaxe que contribúe tanto á riqueza cultural coma ao desenvolvemento dos pobos.

Esta visión tan axeitada e actual contrasta coa tradicional desconfianza que, dende os tempos bíblicos e o mito de Babel, presenta os idiomas como impedimentos para o entendemento entre persoas e comunidades. Mais, paradoxalmente, as linguas non só son os instrumentos de comunicación humana por excelencia, senón tamén os alicerces sobre os que construímos as nosas identidades, tanto individuais coma colectivas.

A Rede de Dinamización Lingüística súmase, pois, con alegría, á celebración do Día da Lingua Materna, cuxa filosofía comparte enteiramente. E faino consciente de que a contribución de Galicia a esa diversidade lingüística, sen a que non é posible o benestar dos pobos e o desenvolvemento equilibrado, é o seu idioma propio, a lingua orixinaria e exclusiva desta terra, portadora dunha cultura particular: o galego.

Respectar e usar o galego é, xa que logo, a nosa responsabilidade e o noso deber, mais é tamén a nosa oportunidade, o noso orgullo, a nosa vantaxe, a nosa sorte. Proporciónanos un xeito especial de estarmos no mundo; fainos únicos, irrepetibles e necesarios.

Por iso, a Rede de Dinamización Lingüística quere animar as familias, e os educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia, impregnada da calor e do agarimo da casa.

Na primeira infancia –da man dos nosos pais e mestres- aprehendemos a realidade que nos rodea a través do filtro do idioma e da cultura, que, unidos, compoñen a urda sobre a que tecemos a nosa personalidade, a nosa identidade, o vestido que nos permitirá estarmos presentables, e mesmo campar, ante o mundo que nos rodea. Por iso ese primeiro idioma nos acompañará sempre, será sempre parte de nós, e estarmos orgullosos del axudaranos a sentirnos seguros de nós mesmos.

Quen teña como primeira lingua o galego ben pode, de feito, gabarse del. Non hai idiomas pequenos nin insignificantes, todos son un tesouro a través do que podemos expresar os nosos pensamentos e sentimentos, pero o galego satisfará tamén as expectativas de quen busque unha utilidade plasmada en cifras: hai aproximadamente 6000 linguas no mundo e o galego ten máis falantes ca 5864 delas e máis presenza en internet ca 5963 deses idiomas. É unha lingua vital e, en termos relativos, maioritaria.

As familias galegofalantes non deben ter medo de educaren os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós. Valorar e defender o propio non exclúe o respecto e o interese polo resto. O galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, coma o castelán ou o inglés.

As familias que non falen habitualmente o idioma propio de Galicia tamén poden contribuír a defender a lingua que é patrimonio de todos os galegos cunha actitude positiva cara a ela e cara á súa promoción e mais con cancións, xogos, libros… que permitan que o galego teña presenza dende os primeiros momentos no fogar.

A Rede de Dinamización Lingüística ten a vontade firme de apoiar as xeracións novas con bebés mediante a posta en marcha de programas de transmisión do galego e outras iniciativas que as fornezan de espazos de uso e de recursos para os pais e nais. Deste xeito, súmase á Xunta de Galicia, á Unesco e ao resto dos organismos que promoven ou apoian o Día Internacional da Lingua Materna, coa satisfacción e o compromiso de achegar o seu traballo a prol dun idioma de futuro e da diversidade lingüística mundial.

22 de febreiro de 2013 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.