publicidade hoxe

Nadal na praza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadeo
A-
A+

A praza de abastos de Ribadeo acolle ata o vindeiro 22 de decembro a semana denominada “Nadal na praza” co obxectivo de darlle máis vida a ditas instalacións, segundo aseguraba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. Ao longo desta semana haberá mercados de gastronomía de nadal, cociña en directo e obradoiros de cociña para os nenos e nenas.

O rexedor sinalou que “estamos presentando esta iniciativa que está a levar adiante este novo colectivo, a Asociación Profesional de Vendedores da praza de abastos de Ribadeo, coa colaboración do Concello e o apoio da Consellería de Economía e Industria. Con esta iniciativa que se chama Nadal da praza queremos promover a praza coma un lugar onde facer a nosa compra diaria, coma o templo por excelencia dos produtos frescos tanto de froita, como de carne, como de peixe, así como un espazo defensor da nosa economía local. E queremos facer unha maridaxe con outro tipo de produtos de artesanía de aquí de Ribadeo como panaderías, tendas ecolóxicos e de produtos naturais da comarca, ou mesmo o convento de Santa Clara”.

Suárez Barcia indicou que “estamos a facer unha semana de actividades, principiándoas no día de hoxe. Serán ata o 22 de decembro en horario de 10 da mañá a 14 horas. Haberá tamén cociña en directo feita por dous cociñeiros de renome en Ribadeo e un obradoiro de cociña creativa para os nenos e nenas deste concello e para os que queiran vir aquí”.

O alcalde ribadense engadiu que “queremos darlle máis vida a esta praza, estamos tentando fusionar, maridar outro tipo de establecementos para que entre todos o público atope a praza coma un punto de atracción para vir comprar ademáis dos produtos habituais outros de calidade”.

Hoxe xa se desenvolveu un mercado de gastronomía do nadal no que participaron as panaderías Trabada e A Plaza, a tenda ecolóxica Rego de Mel e o convento de Santa Clara. O xoves de 10 a 14 horas haberá un novo mercado de gastronomía do nadal no que estarán pastelería artesá Obradoiro, tenda Guidán, tenda-bar Amodiño e chocolates Moreno. O venres, 21 de decembro, haberá cociña de nadal en directo a cargo dos cociñeiros locais Manuel López Valencia do hotel restaurante Voar e Miguel Angel González do restaurante A Dorada do Cantábrico. Será a partires das 12:45 da mañá. Unha hora despois haberá unha degustación do que eles preparen. E xa o sábado a partires das 12 desenvolveráse un obradoiro de cociña creativa para nenos e nenas a cargo de Susana e Antía.

O presidente da Asociación Profesional de Vendedores da praza de abastos de Ribadeo, Manuel González, dixo que “nesta primeira iniciativa queremos achegar á xente a nosa calidade, o noso produto e que non se perda o contacto e a cercanía coa clientela e o encanto das prazas de abastos. Queremos que siga a ser algo importante, porque de non ser así quedaríamos obsoletos”.

19 de decembro de 2012 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.